domingo, enero 22, 2006

O lío de ENCE





18/I/06





O LÍO DE ENCE



Non hai moitos días tiven ocasión de informarme, por boca dalgúns dos seus máis expertos coñecedores, de datos ignorados pola cidadanía en canto ó estado da ría de Pontevedra e a fábrica de celulosas. Hai que partir de que ningún ben nacido ía atreverse hoxe a instalar unha fábrica deste tipo nunha ría como aquela e que no seu día respondeu a unha decisión autoritaria para abastecer ó textil catalán de fibras da madeira en época de autarquía.



Pero dito isto, hai que recoñecerlle á mobilización social o éxito que supón ter hoxe unha ría con menos contaminación por mercurio (8 partes por millón) que a de Vigo (9 partes) pois o blanqueo da pasta faise, totalmente desde o ano 98 e parcialmente desde o 90, ¡con auga osixenada! e non con cloro coma antes, co que tamén a formación das perigosas Dioxinas. E era precisamente na fabricación dese cloro na que usaban electrodo de mercurio.



Agora, as mesmas voces que sostiñan que a autopista ía ser unha “navallada” no país e que, sen recato algún nin autocrítica coñecida, circulan hoxe por ela cos seus coches, oficiais e particulares, son as que etonaron o “non” demagóxico. Pois é demagóxico dicir que ENCE envenena sen proba algunha.



Dentro de pouco derrubarán a fábrica e completarán a de Navia en Asturias. Están niso. Xa se encarga o seu presidente, Álvarez Areces, de dar ó capital galego as facilidades que se lle negan aquí. ¿Ú-lo plan crible para a comarca que garanta o seu futuro a medio e longo prazo? Non son só os traballos directos na fábrica. Véxase, por exemplo, que no porto de Marín os tráficos daquela representan un tercio do total.



¿E que alguén, no seu sano xuízo, pode crer de verdade que o innegable atractivo da cidade-museo pode chegar a dinamizar economías inducidas a partir do turismo futuro?



Benedicto García Villar